KDE • Community • Announcements
DOE (Por que?)
paypal

Plasma 5.9 estrea 2017 con estilo.

Tamén dispoñíbel en:

English | Català | Español | Galician | Nederlands | Português | Svenska | Українська


 
KDE Plasma 5.9
KDE Plasma 5.9

Martes, 31 de xaneiro de 2017. Hoxe KDE publica a primeira actualización de funcionalidades de Plasma deste ano, Plasma 5.9. Aínda que esta versión trae moitas funcionalidades novas interesantes ao seu escritorio, continuaremos fornecendo correccións para Plasma 5.8 LTS.


Aumente a súa produtividade

Agora as notificacións de captura de pantalla de Spectacle poden arrastrarse a editores de mensaxes de correo (incluíndo correo web)
Agora as notificacións de captura de pantalla de Spectacle poden arrastrarse a editores de mensaxes de correo (incluíndo correo web)

No noso esforzo continuado para aumentar a súa produtividade con Plasma engadimos vistas previas interactivas ás nosas notificacións. Isto resulta especialmente notábel cando saca unha captura de pantalla usando os atallos de teclado globais de Spectacle (Maiús+Impr Pant): pode arrastrar o ficheiro resultante da notificación emerxente directamente a unha xanela de conversa, un editor de mensaxes ou un formulario de navegador web sen ter que saír da aplicación coa que está a traballar. A funcionalidade de arrastrar e soltar mellorouse en todo o escritorio, cunha nova funcionalidade de arrastrar e soltar para engadir trebellos directamente á área de notificacións. Os trebellos poden engadirse tamén directamente desde o iniciador de panel de control de aplicacións a pantalla completa.


Propiedades de trebellos de iconas
Propiedades de trebellos de iconas

O trebello de icona que se crea por vostede ao arrastrar unha aplicación ou un documento ao escritorio ou a un panel volve ter un diálogo de configuración: agora pode cambiar a icona, o texto da etiqueta, o directorio de traballo e outras propiedades. Agora o seu menú de contexto tamén ten unha sección de «Abrir con» así como unha ligazón para abrir o cartafol no que está situado o ficheiro ao que apunta.


Silenciando desde o xestor de tarefas baseado en iconas
Silenciando desde o xestor de tarefas baseado en iconas

Por petición popular fixemos posíbel cambiar entre xanelas desde o xestor de tarefas mediante os atallos Meta + número para facilitar traballar de maneira intensiva en varias tarefas. Outra das novidades do xestor de tarefas é a de fixar aplicacións distintas en cada unha das actividades. E se prefire centrarse nunha tarefa concreta, as aplicacións que reproducen son márcanse no xestor de tarefas de maneira similar á dos navegadores web modernos. Xunto cun botón para silenciar a aplicación correspondente, isto pode axudarlle a centrarse no que está a facer.


Accións de busca
Accións de busca

Agora o trebello de inicio rápido é compatíbeis con accións de lista de saltos, equiparando as súas funcionalidades ás doutros iniciadores de Plasma. Agora as accións de KRunner, como «Executar nun terminal» e «Abrir o cartafol contedor», tamén se mostran para os resultados da busca baseada en KRunner nos iniciadores de aplicacións.

Engadiuse un novo miniaplicativo que recupera unha funcionalidade anterior de KDE 4 de poder agrupar varios trebellos nun único trebello controlado por unha interface con lapelas. Isto permite acceder rapidamente a varias disposicións e configuracións.


Aspectos visuais máis simplificados

Novo deseño das barras de desprazamento de Breeze

Fixéronse melloras na aparencia e o comportamento do escritorio Plasma e as súas aplicacións. As barras de desprazamento do estilo Breeze, por exemplo, cambiaron a un deseño máis compacto e bonito, dando ás nosas aplicacións unha aparencia máis atractiva e moderna.


Menús globais

Menús globais nun trebello de Plasma
Menús globais nun trebello de Plasma
Menús globais na barra de xanela
Menús globais na barra de xanela

Volveron os menús globais. A funcionalidade, pioneira de KDE, para separar a barra de menú da xanela de aplicación permite un novo paradigma de interface de usuario con ou ben un trebello de Plasma que mostra o menú ou gardado na barra de xanela.


Consellos máis atractivos no xestor de tarefas
Consellos atractivos no xestor de tarefas

Cambiouse o deseño dos consellos do xestor de tarefas para fornecer máis información ao tempo que é moito máis compacto. Agora a vista de cartafoles pode mostrar emblemas de ficheiros que se usan, por exemplo, para indicar ligazóns simbólicas. Mellorouse en gran medida a experiencia de usuario xeral ao examinar e cambiar de nome ficheiros.


Importación e exportación máis potente de aparencia

Temas de aparencias

Agora os temas de escritorio de aparencia e comportamento global permiten cambiar tamén as decoracións de xanela; a ferramenta de creación de temas «lookandfeelexplorer» exportará as súas decoracións de xanela actuais ao tema que cree.

Se instala temas desde a tenda de KDE que dependen doutros paquetes de arte que tamén están na tenda de KDE (como os temas de Plasma e os temas de iconas) descargaranse automaticamente para que vostede goce da experiencia completa que buscaba o autor do tema.

Novo módulo de configuración de rede


Configuración das conexións de rede
Configuración das conexións de rede

Engadiuse un novo módulo de configuración para conexións de rede á configuración do sistema, que usa QML e trae unha nova aparencia. O deseño do módulo está inspirado polo miniaplicativo de rede, mentres que a propia funcionalidade de configuración está baseado no editor de conexión previo. Isto significa que, aínda que ten un novo deseño, a nivel funcional segue usando a mesma base de código xa probada.


Wayland

Compatibilidade con xestor de punteiro
Configuración da área táctil
Configuración da área táctil para Wayland

Wayland leva tempo sendo unha tarefa continua de transición, achegándose con cada versión a fornecer todas as funcionalidades necesarias. Esta versión fai aínda máis fácil para seguidores entusiastas probar Wayland e comezar a informar de calquera fallo que atopen. Entre as melloras máis salientábeis desta versión están as seguintes:

A posibilidade de facer capturas de pantalla ou usar un selector de cores. Os usuarios a pantalla completa agradecerán as xanelas maximizada sen bordo.

Agora as aplicacións poden confinar punteiros, permítense xestos (consulte o vídeo da dereita) e engadíronse movementos relativos que usan os xogos. Os dispositivos de entrada poden configurarse máis e agora gárdanse entre sesións. Tamén hai unha nova ferramenta de configuración para pantallas táctiles.

Ao usar o estilo Breeze agora pode arrastrar aplicacións premendo unha zona baleira da interface de usuario como en X. Ao executar aplicacións de X a icona da xanela mostrarase correctamente no panel. Agora os paneis poden agocharse automaticamente. As esquemas de cores personalizadas poden definirse para xanelas, útil para accesibilidade.

Historial de cambios completo en Plasma 5.9.0

Imaxes en vivo

A forma máis sinxela de probalo é cunha imaxe directa arrancada desde un disco USB. Pode consultar unha lista de imaxes directas con Plasma 5 no wiki da comunidade de KDE.

As imaxes de Docker tamén ofrecen unha forma rápida e sinxela de probar Plasma.

Descargas de paquetes

As distribucións crearon ou están a crear paquetes listados na nosa páxina wiki.

Descargas de fontes

Pode instalar Plasma 5 directamente a partir das fontes. O wiki da comunidade de KDE ten instrucións para compilalo. Teña en conta que Plasma 5 non pode instalarse xunto con Plasma 4, terá que instalar versións anteriores ou instalar nun prefixo aparte.

Feedback

Pode darnos a súa opinión e obter actualizacións en Facebook, Twitter ou Google+.

Converse sobre Plasma 5 no taboleiro de Plasma 5 dos foros de KDE.

Pode comentar cousas directamente cos desenvolvedores mediante a canle #plasma de IRC, a lista de correo plasma-devel ou informar de problemas mediante Bugzilla. Se lle gusta o que está a facer o equipo, dígallo!

Agradecemos a súa opinión.

Apoiar KDE

KDE é unha comunidade de software libre que existe e medra grazas á axuda de moitos voluntarios que doan o seu tempo e esforzo. KDE busca sempre novos voluntarios e colaboradores, xa sexa programando, corrixindo fallos ou informando deles, escribindo documentación, traducións, promoción, cartos, etc. Todas as contribucións se agradecen e acéptanse de boa gana. Consulte a páxina de apoio a KDE para máis información ou convértase nun membro colaborador de KDE e.V. a través da nosa nova iniciativa Join the Game.

Sobre KDE

KDE é un equipo internacional de tecnoloxía que crea software libre e de código aberto para o escritorio e computadoras portátiles. Entre os produtos de KDE hai un sistema de escritorio moderno para Linux e plataformas UNIX, coleccións de software de produtividade na oficina e traballo en grupos e centos de títulos de software de moitas categorías como internet e aplicacións web, multimedia, entretemento, educación, gráficos e desenvolvemento de software. O software de KDE está traducido a máis de 60 idiomas e está construído para ser fácil de usar e tendo en conta os principios de accesibilidade modernos. As potentes aplicacións de KDE execútanse de maneira nativa en Linux, BSD, Solaris, Windows e Mac OS X.


Notas de marca rexistrada. Os logos de KDE® e o K Desktop Environment® son marcas rexistradas de KDE e.V. Linux é unha marca rexistrada de Linus Torvalds. UNIX é unha marca rexistrada de The Open Group nos Estados Unidos e outros países. O resto de marcas e dereitos de copia aos que se fai referencia neste anuncio son propiedade dos seus respectivos propietarios.


Contactos de prensa

Para máis información envíenos unha mensaxe de correo electrónico:
press@kde.org

Ligazóns de navegación globais