KDE • Community • Announcements
DOE (Por que?)
paypal

KDE publica a versión 18.04.0 dos aplicativos de KDE

Tamén dispoñíbel en:

English | Català | Galician | Italiano | Nederlands | Português | Svenska | Українська

19 de abril de 2018. Publicouse a versión 18.04.0 dos aplicativos de KDE.

Traballamos continuamente en mellorar o software que se inclúe nos aplicativos de KDE, e esperamos que as novas melloras e correccións de fallos lle resulten de utilidade!

Novidades da versión 18.04 dos aplicativos de KDE

Sistema

A primeira versión principal de 2018 de Dolphin, o potente xestor de ficheiros de KDE, inclúe moitas melloras nos seus paneis:

  • Agora poden agocharse as seccións do panel de lugares se prefire non mostralas, e agora hai unha nova sección «Rede» dispoñíbel para as entradas de lugares remotos.
  • O panel do terminal pode ancorarse en calquera parte da xanela, e se intenta abrilo sen Konsole instalado, Dolphin mostrará un aviso e axudaralle a instalalo.
  • Mellorouse a compatibilidade do panel de «Información» con HiDPI.
Tamén se actualizaron a vista de cartafol e os menús:
  • Agora o cartafol do lixo mostra un botón de «Baleirar o lixo».
  • Engadiuse un elemento de menú de «Mostrar o destino» para axudar a atopar os destinos de ligazóns simbólicas.
  • Mellorouse a integración con Git, xa que agora o menú contextual para cartafoles de Git mostra dúas novas accións para «git log» e «git merge».
As melloras adicionais inclúen:
  • Introduciuse un novo atallo que permite abrir a barra de filtro premendo simplemente a tecla de barra inclinada (/).
  • Agora pode ordenar e organizar fotos polo día que se sacaron.
  • Acelerouse arrastrar e soltar para moitos ficheiros pequenos con Dolphin e agora os usuarios poden desfacer traballos de cambio de nome por lotes.

Para que traballar na liña de ordes sexa aínda máis agradábel, agora pode embelecerse a aparencia de Konsole, o aplicativo de emulación de terminal de KDE:

  • Pode descargar esquemas de cores mediante KNewStuff.
  • A barra de desprazamento intégrase mellor co esquema de cores activo.
  • De maneira predeterminada, a barra de lapelas móstranse só cando se necesita.
Os colaboradores de Konsole non pararon aquí, e introduciron moitas novas funcionalidades:
  • Engadiuse un novo modo de só lectura e unha propiedade de perfil para conmutar a copia de texto como HTML.
  • En Wayland, Konsole agora goza do menú de arrastrar e soltar.
  • Aplicáronse varias melloras relacionadas co protocolo ZMODEM: agora Konsole pode xestionar o indicador B01 de envío de zmodem, mostrará o progreso mentres se transfiren datos, agora o botón de «Cancelar» do diálogo funciona como debería, e transferir os ficheiros máis grandes funciona mellor léndoos en memoria en anacos de 1 MB.
As melloras adicionais inclúen:
  • Corrixiuse o desprazamento coa roda do rato con libinput, e agora evítase rotar polo historial do intérprete de ordes ao desprazar coa roda do rato.
  • As buscas actualízanse tras cambiar a opción de expresión regular da coincidencia de busca e ao premer Ctrl + Retroceso Konsole comportarase como xterm.
  • Corrixiuse o atallo «--background-mode».

Son e vídeo

JuK, o reprodutor de música de KDE, ten agora compatibilidade con Wayland. A nova interface de usuario inclúe a posibilidade de agochar a barra de menú e ter unha indicación visual da pista que se está a reproducir. Cando fixarse na área de notificacións estea desactivado, JuK xa non quebrará ao intentar saír mediante a icona de pechar da xanela e a interface de usuario permanecerá visíbel. Tamén se corrixiron os fallos polos que a JuK reproducía automaticamente de maneira inesperada ao volver de hibernación en Plasma 5 e a xestión da columna de lista de reprodución.

Para a versión 18.04, os colaboradores de Kdenlive, o editor de vídeo non lineal de KDE, centráronse en mantemento:

  • O cambio de tamaño de fragmentos xa non corrompe as transicións e os fotogramas clave.
  • As iconas terán mellor resolución para usuarios de cambio de escala de pantalla en monitores HiDPI.
  • Corrixiuse unha quebra que podía afectar a algunhas configuracións no inicio.
  • Agora requírese a versión 6.6.0 ou unha posterior de MLT, e mellorouse a compatibilidade.

Gráficos

Durante os últimos meses, os colaboradores de Gwenview, o visor e organizador de imaxes de KDE, traballaron nunha morea de melloras. Cómpre salientar:

  • Engadiuse a compatibilidade con controladores de MPRIS para que agora poida controlar as presentacións a pantalla completa mediante KDE Connect, as teclas de reprodución do teclado e o plasmoide de reprodutor.
  • Agora poden desactivarse os botóns que aparecen ao cubrir miniaturas.
  • A ferramenta de recorte recibiu varias melloras, por exemplo agora a configuracións lémbrase tras cambiar de imaxe, a forma da caixa de selección pode bloquearse mantendo premidas as teclas Maiús ou Ctrl e tamén pode bloquearse para usar as proporcións da imaxe mostrada actualmente.
  • No modo a pantalla completa, agora pode saír usando a tecla Esc e a paleta de cores reflectirá o tema de cores activo. Se sae de Gwenview desde este modo, esta opción lembrarase e a nova sesión tamén comezará a pantalla completa.
A atención aos detalles é importante, polo que se realizaron melloras nas seguintes áreas de Gwenview:
  • Gwenview mostrará máis rutas de ficheiro lexíbeis por humanos na lista de «Cartafoles recentes», mostrará o menú contextual axeitado para os elementos da lista de «Ficheiros recentes», e esquecerá todo correctamente ao usar a funcionalidade de «Desactivar o historial».
  • Premer un cartafol na barra lateral permite conmutar entre os modos de navegación e de vista e lembra o último modo usado ao cambiar entre cartafoles, permitindo así navegar máis rapidamente por coleccións enormes de imaxes.
  • Simplificouse a navegación con teclado indicando o foco do teclado no modo de exploración.
  • A funcionalidade de «Axustar a anchura» substituíuse por unha función «Encher» máis xeneralizada.
Incluso as melloras máis pequenas poden facer os fluxos de traballo dos usuarios máis satisfactorios:
  • Para mellorar a consistencia, agora as imaxes SVG agrándanse como o resto de imaxes ao activarse «Vista de imaxe → Agrandar as imaxes máis pequenas».
  • Tras editar unha imaxe ou desfacer cambios non se volverá perder a sincronización entre a vista de imaxe e a miniatura.
  • Ao cambiar imaxes de nome, a extensión de nome de ficheiro retirarase da selección de maneira predeterminada e agora o diálogo de mover, copiar e ligar mostra o cartafol actual de maneira predeterminada.
  • Corrixíronse unha morea de cortes de papel visuais, p. ex. na barra de URL, para a barra de ferramentas a pantalla completa, e para as animacións do consello da miniatura. Tamén se engadiron iconas que faltaban.
  • Por último, pero non por iso menos importantes, o botón de cubrir a pantalla completa verá directamente a imaxe en vez de mostrar o contido do cartafol, e agora a configuración avanzada permite máis control pola intención de renderizado de cor de ICC.

Oficina

En Okular, o visor de documentos universal de KDE, agora a renderización de PDF e a extracción de texto poden cancelarse se ten unha versión de poppler ≥ 0.63, o que significa que se ten un ficheiro PDF complexo e cambia a ampliación mentres se está a renderizar cancelarase inmediatamente en vez de agardar a que remate a renderización.

Atopará unha mellora da compatibilidade con JavaScript de PDF para AFSimple_Calculate, e se ten unha versión de poppler ≥ 0.64 Okular permitirá cambios de JavaScript de PDF nos formularios en estado de só lectura.

A xestión de mensaxes de confirmación de reservas de KMail, o potente cliente de correo electrónico de KDE, mellorouse de maneira significativa para fornecer compatibilidade con reservas de tren e usa unha base de datos de aeroportos baseada en Wikidata para mostrar os voos coa información de fuso horario correcta. Para facilitarlle as cousas creouse un novo extractor para mensaxes de correo electrónico que non conteña datos estruturados de reservas.

As melloras adicionais inclúen:

  • Co novo complemento «Experto» se pode mostrar de novo a estrutura da mensaxe.
  • Engadiuse un complemento no editor de sieve para seleccionar correos electrónicos da base de datos de Akonadi.
  • A busca de texto do editor mellorouse e agora permite expresións regulares.

Utilidades

Unha gran área de enfoque foi mellorar a interface de usuario de Spectacle, a versátil ferramenta de captura de pantalla de KDE:

  • Cambiouse completamente o deseño da fila inferior de botóns e agora mostra un botón para abrir a xanela de configuración e o novo botón de «Ferramentas» que revela formas de abrir o cartafol de capturas de pantalla usadas por última vez e iniciará un programa de gravación de vídeo.
  • Agora, de maneira predeterminada, lémbrase o último modo de garda usado.
  • Agora o tamaño de xanela adáptase ás proporcións da captura de pantalla, o que da lugar a unha miniatura de captura de pantalla máis agradábel e eficiente a nivel de espazo.
  • Simplificouse de maneira significativa a xanela de configuración.
Ademais, os usuarios poderán simplificar os seus fluxos de traballo con estas novas funcionalidades:
  • Ao capturar unha xanela concreta o seu título pode engadirse automaticamente ao nome do ficheiro da captura de pantalla.
  • Agora o usuario pode escoller se Spectacle sae automaticamente tras calquera operación de garda ou copia.
Entre as correccións de fallo importantes están:
  • Arrastras e soltar sobre xanelas de Chromium xa funciona como corresponde.
  • Usando de maneira repetitiva os atallos de teclado para gardar unha captura de pantalla xa non provoca un diálogo de aviso de atallo ambiguo.
  • O bordo inferior da selección de rexión rectangular de capturas de pantalla pode axustarse con maior precisión.
  • Mellorouse a fiabilidade da captura de xanelas que tocan bordos de pantalla cando os efectos de escritorio están activados.

Con Kleopatra, o xestor de certificados e interface de usuario gráfica de criptografía universal, poden xerarse chaves de EdDSA de curva 25519 cando se usa con versións recentes de GnuPG. Engadiuse unha vista de «caderno de notas» para accións criptográficas baseadas en texto e agora pode asinar, cifrar, descifrar e verificar directamente desde o aplicativo. Agora na vista de «Detalles do certificado» atopará unha acción de exportar, que pode usar para exportar como texto para copiar e pegar. Ademais pode importar o resultado mediante a vista de «caderno de notas».

En Ark, a ferramenta gráfica de KDE de compresión e descompresión de ficheiros compatíbel con múltiples formatos, permite agora deter compresións ou extraccións ao usar a infraestrutura libzip para arquivos ZIP.

Aplicativos que se unen ao calendario de publicación dos aplicativos de KDE

O gravador de cámara web de KDE Kamoso e o programa de copia de seguranza KBackup uniranse ás publicacións de versións de aplicativos. Tamén se introduce de novo o programa de mensaxaría instantánea Kopete tras migrarse á versión 5 das infraestruturas de KDE.

Os aplicativos adquiren un calendario de publicación de seu

O editor de binario Okteta terá a súa propia planificación de publicación tras solicitalo o seu mantedor.

Destrución de fallos

Solucionáronse máis de 170 fallos en aplicativos como, entre outros, a colección de Kontact, Ark, Dolphin, Gwenview, K3b, Kate, Kdenlive, Konsole, Okular e Umbrello!

Historial completo de cambios

Se quere saber máis sobre os cambios desta versión, consulte a lista completa de cambios. Aínda que a súa anchura pode intimidar, a lista de cambios pode ser unha forma excelente de aprender sobre as partes internas de KDE e descubrir aplicativos e funcionalidades que descoñecía.

Correr a voz

Os colaboradores non técnicos xogan un papel importante no éxito de KDE. Mentres que as compañías de software privativo contan con enormes presupostos de mercadotecnia para novas versións do seu software, KDE adoita depender de que se corra a voz.

Hai moitos xeitos de apoiar a versión 18.04 dos aplicativos de KDE: pode informar de fallos, animar a outros a unirse á comunidade KDE, ou apoiar a organización sen ánimo de lucro que hai tras a comunidade KDE.

Axúdenos a correr a voz na rede social. Pode enviar historias a sitios de novas como Reddit, Facebook e Twitter; enviar capturas de pantalla da súa nova configuración de servizos como Snapchat, Instagram e Google+; iy crear vídeos de pantalla e envialos a YouTube, Blip.tv e Vimeo, ou emitilos en directo por Twitch!

Lembre etiquetar as súas publicacións e enviar os materiais coa palabra KDE, xa que fai máis doado atopalas e permite ao equipo de promoción de KDE analizar a cobertura da versión 18.04 dos aplicativos de KDE.

Instalar os paquetes binarios da versión 18.04 dos aplicativos de KDE

Paquetes. Algúns fabricantes de sistemas operativos Linux e UNIX teñen a xenerosidade de fornecer paquetes binarios da versión 18.04 dos aplicativos de KDE para algunhas versións das súas distribucións, e noutros casos o traballo fixérono voluntarios das súas comunidades. Nas próximas semanas poderían publicarse paquetes binarios adicionais e actualizacións dos paquetes xa dispoñíbeis.

Lugares dos paquetes. Para unha lista actual de paquetes binarios dispoñíbeis dos que o proxecto KDE ten coñecemento, visite o wiki da comunidade.

Compilar a versión 18.04 dos aplicativos de KDE

O código fonte completo da versión 18.04 dos aplicativos de KDE pode descargarse libremente. Na páxina de información da versión 18.04.0 dos aplicativos de KDE están dispoñíbeis as instrucións para compilar e instalar.

Apoiar KDE

KDE é unha comunidade de software libre que existe e medra grazas á axuda de moitos voluntarios que doan o seu tempo e esforzo. KDE busca sempre novos voluntarios e colaboradores, xa sexa programando, corrixindo fallos ou informando deles, escribindo documentación, traducións, promoción, cartos, etc. Todas as contribucións se agradecen e acéptanse de boa gana. Consulte a páxina de apoio a KDE para máis información ou convértase nun membro colaborador de KDE e.V. a través da nosa nova iniciativa Join the Game.

Sobre KDE

KDE é un equipo internacional de tecnoloxía que crea software libre e de código aberto para o escritorio e computadoras portátiles. Entre os produtos de KDE hai un sistema de escritorio moderno para Linux e plataformas UNIX, coleccións de software de produtividade na oficina e traballo en grupos e centos de títulos de software de moitas categorías como internet e aplicativos web, multimedia, entretemento, educación, gráficos e desenvolvemento de software. O software de KDE está traducido a máis de 60 idiomas e está construído para ser fácil de usar e tendo en conta os principios de accesibilidade modernos. Os potentes aplicativos de KDE execútanse de maneira nativa en Linux, BSD, Solaris, Windows e Mac OS X.


Notas de marca rexistrada. Os logos de KDE® e o K Desktop Environment® son marcas rexistradas de KDE e.V. Linux é unha marca rexistrada de Linus Torvalds. UNIX é unha marca rexistrada de The Open Group nos Estados Unidos e outros países. O resto de marcas e dereitos de copia aos que se fai referencia neste anuncio son propiedade dos seus respectivos propietarios.


Contactos de prensa

Para máis información envíenos unha mensaxe de correo electrónico:
press@kde.org

Ligazóns de navegación globais