KDE • Community • Announcements
DOE (Por que?)
paypal

KDE publica a versión 15.04.0 dos aplicativos de KDE

Tamén dispoñíbel en:

English | Català | Español | Français | Galician | Nederlands | Polski | Português | Português brasileiro | Svenska | Українська

15 de abrir de 2015. Hoxe KDE publica a versión 15.04 dos aplicativos de KDE. Con esta versión xa son 72 os aplicativos totais que se migraron á versión 5 das infraestruturas de KDE. O equipo está loitando para traer a mellor calidade ao seu escritorio e a estes aplicativos. Así que contamos con vostede para que nos dea a súa opinión.

Con esta versión hai varios engadidos á lista de aplicativos baseados na versión 5 das infraestruturas de KDE, entre eles KHangMan, Rocs, Cantor, Kompare, Kdenlive, KDE Telepathy e algúns xogos de KDE.

Kdenlive é un dos mellores software dispoñíbeis de edición de vídeo non lineal. Recentemente rematou o seu proceso de incubación para converterse nun proxecto oficial de KDE e migrouse á versión 5 das infraestruturas de KDE. O equipo detrás desta obra mestra decidiu que Kdenlive debería publicarse xunto co resto de aplicativos de KDE. Entre as novas funcionalidades están a función de gardar automaticamente novos proxectos e a estabilización de fragmentos fixos.

KDE Telepathy é a ferramenta de mensaxaría instantánea. Migrouse á versión 5 das infraestruturas de KDE e Qt 5 e é un novo membro das versións dos aplicativos de KDE. Está basicamente completo, salvo pola interface de usuario de chamadas de son e de vídeo, que aínda falta.

Onde se pode, KDE usa tecnoloxía existente tal e como se fixo co novo KAccounts que tamén se usa en SailfishOS e o Unity de Canonical. Dentro dos aplicativos de KDE de momento só o usa KDE Telepathy. Pero no futuro usarano tamén outros aplicativos como Kontact e Akonadi.

No módulo de educación de KDE, Cantor conseguiu algunhas novas funcionalidades na súa compatibilidade con Python: unha nova infraestrutura de Python 3 e novas categorías de «Obter Cousas Novas». A Rocs déuselle a volta: reescribiuse o núcleo de teoría de grafos, retirouse a separación da estrutura de datos e introduciuse un documento de grafos xeral como entidade de grafos centrais, así como unha gran revisión da API de scripting de algoritmos de grafos que agora fornece unha API única unificada. KHangMan migrouse a QtQuick e de paso levou unha man de pintura. E Kanagram recibiu un modo de dous xogadores e agora son botóns premíbeis as letras ademais de poder escribirse como antes.

Ademais das correccións de fallos habituais, Umbrello recibiu esta vez algunhas melloras de facilidade de uso e estabilidade. Ademais a función de atopar agora pode limitarse por categoría: clase, interface, paquete, operacións ou atributos.

Pode atopar a lista completa de cambios aquí.

Correr a voz

Os colaboradores non técnicos son unha parte importante do éxito de KDE. Mentres que as compañías de software privativo contan con grandes presupostos para novas publicacións de software, KDE depende de que as persoas falen entre elas. Incluso para aquelas persoas que non son desenvolvedoras de software existen moitas formas de apoiar a versión 15.04 dos aplicativos de KDE. Informar de fallos. Animar a outros a unirse á comunidade KDE. Ou apoiar a organización sen ánimo de lucro que hai tras a comunidade KDE.

Corra a voz na web social. Envíe historias a sitios de novas, use canles como Delicious, Digg, Reddit e Twitter. Envíe capturas de pantalla da súa nova confirmación a servizos como Facebook, Flickr, Ipernity e Picasa, e publíqueos nos grupos axeitados. Cree vídeos de pantalla e envíeos a YouTube, Blip.tv e Vimeo. Etiquete as súas publicacións e materiais enviados con «KDE». Isto facilita atopalos e permite ao equipo de promoción de KDE analizar a cobertura da versión 15.04 dos aplicativos de KDE.

Instalar os paquetes binarios da versión 15.04 dos aplicativos de KDE

Paquetes. Algúns fabricantes de sistemas operativos Linux e UNIX teñen a xenerosidade de fornecer paquetes binarios da versión 15.04 dos aplicativos de KDE para algunhas versións das súas distribucións, e noutros casos o traballo fixérono voluntarios das súas comunidades. Nas próximas semanas poderían publicarse paquetes binarios adicionais e actualizacións dos paquetes xa dispoñíbeis.

Lugares dos paquetes. Para unha lista actual de paquetes binarios dispoñíbeis dos que o proxecto KDE ten coñecemento, visite o wiki da comunidade.

Compilar a versión 15.04 dos aplicativos de KDE

O código fonte completo da versión 15.04 dos aplicativos de KDE pode descargarse libremente. Na páxina de información da versión 15.04.0 dos aplicativos de KDE están dispoñíbeis as instrucións para compilar e instalar.

Apoiar KDE

KDE é unha comunidade de software libre que existe e medra grazas á axuda de moitos voluntarios que doan o seu tempo e esforzo. KDE busca sempre novos voluntarios e colaboradores, xa sexa programando, corrixindo fallos ou informando deles, escribindo documentación, traducións, promoción, cartos, etc. Todas as contribucións se agradecen e acéptanse de boa gana. Consulte a páxina de apoio a KDE para máis información ou convértase nun membro colaborador de KDE e.V. a través da nosa nova iniciativa Join the Game.

Sobre KDE

KDE é un equipo internacional de tecnoloxía que crea software libre e de código aberto para o escritorio e computadoras portátiles. Entre os produtos de KDE hai un sistema de escritorio moderno para Linux e plataformas UNIX, coleccións de software de produtividade na oficina e traballo en grupos e centos de títulos de software de moitas categorías como internet e aplicativos web, multimedia, entretemento, educación, gráficos e desenvolvemento de software. O software de KDE está traducido a máis de 60 idiomas e está construído para ser fácil de usar e tendo en conta os principios de accesibilidade modernos. Os potentes aplicativos de KDE execútanse de maneira nativa en Linux, BSD, Solaris, Windows e Mac OS X.


Notas de marca rexistrada. Os logos de KDE® e o K Desktop Environment® son marcas rexistradas de KDE e.V. Linux é unha marca rexistrada de Linus Torvalds. UNIX é unha marca rexistrada de The Open Group nos Estados Unidos e outros países. O resto de marcas e dereitos de copia aos que se fai referencia neste anuncio son propiedade dos seus respectivos propietarios.


Contactos de prensa

Para máis información envíenos unha mensaxe de correo electrónico:
press@kde.org

Ligazóns de navegación globais